Tuesday 14 de May de 2024

Unha trintena de alumnos de seis centros de FP galegos participan nun programa pioneiro de formación audiovisual de Netflix e Fad Juventud


— A Xunta e a produtora Vaca Films colaboran con Netflix e a fundación FAD Juventud neste proxecto, en cuxo deseño tamén participou a produtora Zeta Studios

— A iniciativa busca desenvolver novos talentos técnicos enfocados ao ámbito audiovisual nas familias profesionais de Electricidade e electrónica e de Administración e xestión, que non están orixinalmente vencelladas ao sector

Un total de 31 alumnos de FP de grao superior de seis centros galegos están a recibir formación por parte de Netflix ao abeiro do acordo establecido entre a empresa audiovisual, a Xunta, a produtora Vaca Films e a fundación FAD Juventud para o desenvolvemento do programa pioneiro Formando equipo: traballa no audiovisual, en cuxo deseño tamén participou a produtora Zeta Studios. O obxectivo da iniciativa é desenvolver novos talentos técnicos enfocados ao ámbito audiovisual nas familias profesionais de Electricidade e electrónica e de Administración e xestión.

A formación, cunha duración total de 38 horas, desenvólvese no CIFP Politécnico de Santiago desde finais do mes de abril e estenderase ata o 3 de xuño. Participan nela 16 alumnos de ciclos da familia de Administración e xestión, en concreto seis do instituto IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), dous do Muralla Romana (Lugo) e oito do CIFP Portovello (Ourense). No caso do alumnado dos ciclos da familia de Electricidade e electrónica son un total de 15, cinco deles procedentes do Instituto IES Urbano Lugrís (A Coruña), oito do CIFP Politécnico de Santiago e dous do IES Politécnico de Vigo.

O propio conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades reuniuse o pasado mes de outubro con Emma Lustres, de Vaca Films, e con representantes de Netflix para analizar a proposta. Non en balde, a iniciativa entronca directamente coa colaboración con empresas que o Goberno galego promove para mellorar a formación e a empregabilidade do alumnado de FP.
En palabras do titular do departamento educativo do Goberno galego, “para a Xunta é moi importante contar con compañías punteiras para formar os mellores profesionais e seguir así ampliando o gran momento do audiovisual galego, garantindo que as rodaxes que acollemos conten con técnicos cualificados”.

Formación e valores
O programa Formando equipo: traballa no audiovisual consta de 38 horas de formación teórica e práctica que procuran dar a coñecer as oportunidades profesionais no sector audiovisual para familias de FP cuxas saídas profesionais non están orixinalmente vencelladas a este sector.

Nestas actividades os participantes aprenden a desenvolver habilidades persoais específicas neste ámbito, como a creatividade, a resolución de problemas ou o traballo colaborativo. Así mesmo, afondan na realidade do sector con visitas ás rodaxes, sesións con especialistas técnicos e charlas con profesionais de producións de Netflix, que lles dan a coñecer a súa propia experiencia. O proceso de formación completarase cunha estancia de prácticas formativas en Vaca Films para algúns dos estudantes participantes.

O obxectivo último é preparar aos alumnos para que poidan optar a profesións dentro do audiovisual con altos índices de empregabilidade, como as de eléctrico, maquinista, secretario ou contable, entre outras. A maiores, o programa promove a inclusión da diversidade e a sostibilidade medioambiental no ámbito laboral, desde o punto de vista técnico e persoal.